Raul Veiga

Raul Veiga

Santiago de Compostela, 1956

Biografía

Cando era moi novo, facía filmes en Super8, cineclubismo, crítica cinematográfica e artigos sobre cinema galego.
Estreouse no terreo do guión co vídeo “Veneno puro” (1984, gañador de varios premios internacionais), practicou a análise de filmes (1987-9) e deu o salto ás longametraxes co guión de “Continental” (1989), publicado, xuntamente co “Material para os actores” que o completaba, baixo o título “Continental. O guión” (A Coruña, 1991). Interveu tamén como escritor na rodaxe e posprodución dese filme.
Fixo de axudante de dirección en 1990-1 e despois dedicouse xa en exclusiva ao guión e a dirección cinematográfica a partir de “A metade da vida” (1994), única longametraxe rodada en galego e con actores galegos nos papeis protagonistas durante os anos 90. O filme foi seleccionado para numerosos festivais internacionais, tanto europeos como norteamericanos.
A súa segunda longametraxe, “Arde amor” (1999), mereceu múltiples distincións: premio á mellor actriz na XX Mostra Cinema del Mediterrani (1999), premio na categoría “low-budget” na WorldFest Flagstaff (1999), Gran Premio do Xurado á mellor película estranxeira no Bare Bones Film Festival (2000), premios AGAPI 2000 ao mellor guión, á mellor montaxe e á mellor produción.
Raúl Veiga desenvolveu actividades pedagóxicas relacionadas co ámbito da súa especialidade, sostivo unha sección de opinión e fixo crítica cinematográfica no xornal “La Voz de Galicia”, actuou como membro do xurado de longametraxes en varios festivais internacionais de cinema, participou en numerosísimas mesas redondas, presentacións de libros, etc., e ten publicado múltiples traballos, entre eles o volume de análise de filmes clásicos “Esta noite no cinema” (Biblos, 2005), finalista do premio de ensaio da Asociación de Escritores en Lingua Galega nese ano.
Actualmente, está a concluír a longametraxe documental “O médico certo”.